viernes, 19 de octubre de 2012

Unha exposición na Cidade da Cultura: ´Gallaecia Pétrea´

Polos prexuízos antimegalómanos ou polas intencións globais de pechar a cultura en "cidades", "casas", "actos", "días" ou espectáculos , entre os do dispendio que nos configuran, hai quen se resiste a visitar a Cidade da Cultura de Compostela. E si o fai, incluso arremete con carraxe de palabra, obra ou omisión contra un patrimonio que imperativamente remata sendo noso. Está feita por obreiros e compre aproveitala como elemento revitalizador.

O tema da Cidade da Cultura sempre será polémico respecto á súa necesidade, ó cómo naceu e ó cando, entre outras relativas á súa funcionalidade e na que moitos sabios participaron e outros aplaudiron, respecto tamén ó mantemento e ó aproveitamento cotián. Sobre todo entendendo que Galiza e Compostela ten tantas prioridades histórico-artísticas por rehabilitar e revitalizar. Outros tiranos dedicáronse a tranvías pessoanos, mileniums e todos soñaron con ter nas cidades do seu goberno pazos de congresos, superportos e aeroportos...e velaí da inxuria o rudo encono.

O certo é que o que se deu en chamar mimeticamente a Cidade da Cultura está en boa parte erguida xa sobre o monte Gaiás e baixo o Viso, dominando Compostela e con moita triparía subterránea. Acollendo e definindo proxectos atendidos por funcionarios técnicos, como a Biblioteca, o Arquivo e outras dependencias administrativas ás que non lle cumpría tan colosal carcasa. Espazos abertos dende xaneiro do 2011 e nun longo proceso de decoración e recolocación, adaptadas tamén ás novas tecnoloxías. Montáronse xa algunhas exposicións no edificio do Arquivo, como unha dedicada ó libro en Galiza, outra sobre unha colección de máquinas de escribir, agora mesmo unha sobre Uxio Granell....ó tempo que se abre un novo edificio para Museo de Galicia coa exposición Gallaecia Pétrea, sumando agora mesmo a de Códices que aproveita o tirón mediático a raíz do acontecido recentemente co Calixtino. Todo pode e pesa sobre un espectador que se resiste a ir. Chamado soamente como espectador e non como actor, que non ten máis que facer que ver e arrepiarse....e iso preocupa.

Os que con frecuencia acudimos á Cidade da Cultura para meternos e dar a coñecer o estado da cuestión, guiando grupos tamén, botamos en menos un área de recepción de visitantes como Deus manda,: próxima ós aparcadoiros, con itinerario protexido e non ese descampado nun monte batido pola meteoroloxía que bota atrás ós menos áxiles, que buscan por onde entrar, onde reunirse, o punto de encontro... Necesidade dun área ampla, con todo o que cumpre, organizado de xeito compacto, para quen chega e sae: información, servizos, cafetería e se acaso unha reversible taberna enxebre, self service, galería de tendas para merchandising con marca e dignidade de Galiza, con temas de recreación tradicional e arte, como libros, DVD, deseño, moda, delicatesens da gastronomía tradicional... e incluso cabería un restaurante de cociña galega creativa, igual que se fai en moitos museos. Cebos a fin de contas, xeitos de seducir, convidar e atraer para propagar e volver. Pois a cultura é un xeito de vida, o cotián, o espírito, a imaxe dun país e deso é do que se trata, da súa posta en escena, sabendo e agradecendo ó visitante que nos preste o seu tempo tan reclamado, disposto a deixar os seus aforros.... A cultura non colle vacacións, pero si pode reprimise e degradarse. En fin o conxunto da Cidade da Cultura debera ser imaxe de Galiza, ó menos para mostrar e dignificar aspectos identitarios, o que nos distingue, o aporte universal, o que herdamos e sabemos facer os galegos, comezando polo idioma. Pero non é así, semella que se é máis moderno acudindo ó inglés, poñendo nun prato chino unha pizza ou nos WC un retrete alemán, por exemplo. Teoría e praxe deben artillarse nestas estruturas.

Non cabe dúbida que a colosal e escultórica carcasa arquitectónica de Peter Eisseman posta de monteira sobre Galiza e o Gaiás, está cargada de referencias simbólicas xacobeas: que si os cinco dedos da man, que si as rías, que si a vieira, que si a planimetría de Compostela e os cinco camiños que aquí converxen...Urbanismo e formas que dialogan e compleméntanse coa paisaxe, como un castro vixía dende o que enxergar as perspectivas e os volumes de Compostela no devalar das horas, coa chuvia, co sol, coas nubes a pasar. Amplos, neutros e curvos espazos interiores que poden interaccionar como flexibles platós para acoller instalacións cambiantes. Xa que nesta sociedade do espectáculo, do escaparate, todo muda e máis as modas, incluso as expositivas e por suposto as relativas á organización e dinamización de arquivos, bibliotecas...hoxe máis no mundo da electrónica, do dixital, onde un invento supérase de súpeto polo seguinte...O libro queda como reliquia, edición tras edición, incluso como peza de museo, coas súas dedicatorias, cuños, marcas... para definir a ética e a estética dun momento. Espazos transparentes, para experimentar, crear, investigar, para ofrecer ideas.

Cidade con nome, pero aínda sen vida, linguaxe arquitectónico de pedras, vidro, ferros, aluminios e técnicas construtivas da contemporaneidade, con difícil mantemento. Aquí merece verse e valorarse hoxe a exposición Gallaecia Pétrea: unha mostra que estende Galiza ás súas orixes, a todo o Noroeste peninsular, ó que foi a Gallecia romana e sueva, con máis norte de Portugal e menos pezas de Asturias e da parte leonesa, rexións que formaron parte do Reino de Galicia-León e orixe doutras empresas. Meritoria selección pétrea que vai dende a Prehistoria dos machados e dos dolmens, das cistas e dos petróglifos á Idade dos Metais, dos Castros, con labras de temas cosmogónicos, de rosáceas, trisqueles, estelas e estraños ídolos, ergueitas esculturas de guerreiros, decoracións influenciadas pola xeometría da cestería e do tear. Mostras pétreas do mundo romano, con aclaratorios epígrafes relativos ás xerarquías, ás devocións, complementos decorativos...e as primeiras mostras da cristianización, asociadas ós cultos á morte e o Alen... a presenza sueva. E sempre Compostela no converxer dos camiños, abrindo a un medievo esplendoroso pola difusión do Románico, arte noso, a apoteose de mestres e aprendices canteiros, xornaleiros da área atlántica, transmeranos, portugueses, vizcaínos, galegos... construtores de grandes arquitecturas ou artistas de pequenas imaxes. Exposición que discursea e pasa por Mateo e pola Catedral Compostelana, polos seus mestres do Barrco e que, finalmente, cunha gran imaxe fotográfica do Monte Pindo de fondo, desemboca na obra de Asorey e dos máis novos escultores, os que seguen a reinterpretar esa linguaxe dura, pero agradecida da pedra que nos define e inspirou á masonería. O gran estudoso da xeoloxía de Galiza, Parga Pondal, e seus mapas tamén están presentes. Ó fin e ó cabo concluímos que a pedra é o que nos define, que quizais o nome de "Kallaecia" teña que ver con ela, senón coa cor láctea; que o canteiro galego fai Románico como o verme da seda da orixe ó nobelo de seda. Pedra que levamos prendida en nós e forma parte do chan, da casa, do altar, da sepultura...

e difícil selección, dadas circunstancias de peso e transporte. Xa as pedras -por si soias e sen demasiada explicación- condúcennos por unha Historia, da que ó final, como fósiles, queda a osamenta de Galiza. Instalación sinxela, que aproveita as caixas e os palés de madeira do transporte das mesmas pezas como expositores, os que abaratan a montaxe, provocan curiosidade e abren a novas expectativas. Transmítese a idea da historia en movemento. Recurso que a algúns rechíalle, quizais afeitos a outro boato expositivo. Bo tema, prioritario, bo traballo, que abre a outros que caracterizaron a Galiza. Outra cousa é o dispendio, como tamén a crítica destrutiva, a falla de colaboración, do mecenado que se ve nos países maduros.

http://www.laopinioncoruna.es/

No hay comentarios:

Publicar un comentario